O escritor nado en Cospeito, Darío Xohán Cabana, falecía a pasada noite en Lugo, aos 69 anos de idade, segundo confirmou esta mesma mañá a Real Academia Galega.
O autor de Galvan en Saor finaba na súa casa de Romeán tras unha longa enfermidade.
A súa, era unha vida adicada á literatura da que cultivou un gran número de xéneros. Como indica a propia academia galega, “malia sentirse ante todo poeta, dende finais dos anos 80 cultivou con éxito a narrativa, eido no que tamén mereceu distintos galardóns”. E é que a sua extensa obra, con máis de 40 títulos, amosa a gran calidade da súa escrita.
Darío Xohán Cabana ingresou na RAG en abril de 2006 ocupando o asento de Manuel María. A Academia defíneo como unha “das grandes voces das letras galegas contemporáneas” e, claramente, o foi logo dos seus traballos tanto para público adulto como xuvenil.
Conta entre os seus títulos con Galván en Saor, que a propia academia considerao como un dos “grandes éxitos de literatura galega das últimas décadas”. Ademáis destacan os poemarios Patria do mar e Canta de cerca a morte, así como as traducións ao galego das grandes obras de Dante e Petrarca como A Divina Comedia ou Cancionero.
No eido político, que non deixa de estar presente na súa obra en certa maneira, militou dende o 1968 na esquerda nacionalista, tras criarse nunha ideoloxía comunista grazas aos seus pais. Tamén foi activista político vinculado á Unión do Pobo Galego e á FPG. Darío Xohán Cabana xubilouse como funcionario de Cultura do Concello, despois de ser responsable de comunicación desa mesma área e tras encargarse, durante anos, da xestión do Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Dende o Concello de Lugo, de feito, amosaron tamén o seu pesar xa que, segundo indicaron nun comunicado de prensa, co pasamento de Darío Xohán Cabana, Lugo e Galicia “perden a un excelente e brillante escritor, unha das mellores voces das letras contemporáneas e a un académico loitador pola lingua e a identidade cultural do país”.