Un home perdeu a vida esta tarde despois de colidir o turismo que conducía cun camión na N-VI, ao paso pola localidade lucense de Baralla.
O 112 Galicia rexistrou o suceso pasadas as dúas desta tarde tras recibir a chamada de alerta dunha persoa que viu como o coche quedaba encaixado baixo o camión no Lugar da Valiña. Así, desde o 112, solicitaron a axuda dos Bombeiros de Sarria, que acudiron ao punto cun equipo de excarceración para liberar á vítima. Tamén foi mobilizado o helicóptero medicalizado con base en Ourense por parte do 061-Urxencias Sanitarias, pero foi anulado pouco despois ao confirmarse o falecemento do condutor do turismo. En canto ao camioneiro, os servizos de emerxencias indicaron que resultou ileso.
Cómpre sinalar que neste operativo participaron, ademais, os membros do GES de Becerreá e os axentes da Garda Civil de Tráfico.