O condutor dun camión perdeu a vida a pasada noite na A-6 á altura de Begonte despois de que o vehículo envorcase e caese por un desnivel duns tres metros fóra da vía de circulación.
Segundo informou o 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Vilalba para excarcerar o corpo sen vida do home, ao quedar atrapado no interior do camión accidentado. Mentres duraron estas labores, a saída 517 en sentido A Coruña permaneceu pechada ao tráfico de vehículos.
Foi unha persoa particular quen, ao fío das 00:45 horas, alertou ao 112 Galicia dun accidente de tráfico no punto quilométrico 515 da A-6 en sentido A Coruña.
A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía.
A pesar dos esforzos, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.