Unha muller perdeu a vida esta tarde despois de caer da Ponte dos Santos, no termo municipal lucense de Ribadeo. O corpo foi atopado na beira de Castropol polos socorristas da localidade e levado, posteriormente, ata o porto asturiano de Figueras.
O 112 Galicia recibía a alerta do sucedido a través dun particular ás 16:10 horas. Indicaba que vira como unha muller caía dende a ponte e engadía que estaba sendo arrastrada pola corrente.
Acto seguido, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso á Policía Local, á Garda Civil, a Protección Civil, aos Bombeiros de Barreiros, ao Servizo de Gardacostas de Galicia e a 061-Urxencias Sanitarias. Tamén, o 112 Galicia informou do ocorrido a Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Pesca II para localizar á muller, aínda que, finalmente, foi anulado ao ser atopado o cadáver.