Unha muller faleceu esta tarde despois de caer co seu tractor a unha fosa de xurro no lugar de Pacios, no concello de Monforte de Lemos.
Foi un particular quen deu a voz de alarma a través dunha chamada ao 112 Galicia cando pasaban uns minutos das 13:30 horas de hoxe. A persoa que alertou só alcanzaba a ver o tractor metido na fosa, pero ningún rastro da muller que o manexaba. Así que, todo facía sospeitar que a vítima estivese atrapada no vehículo.
Deste xeito, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Monforte de Lemos, así como dos axentes da Policía Nacional e do persoal do Concello. Ademais, para a retirada do vehículo agrícola foi necesario empregar un guindastre de gran tonelaxe. Foi ao sacar o tractor da fosa cando foi localizado o corpo sen vida da condutora.