Sucedeu no punto quilométrico 376 da liña férrea CV-800, entre as estacións de Rubián e Oural.
O persoal de Adif contactou co 112 Galicia para dar conta dos feitos, ao fío das 16:30 horas. Segundo indicaba, o tren estaba detido no lugar do accidente, a seiscentos metros da estación de Rubián, en sentido Ourol. Engadía que o convoi transportaba mercadorías non perigosas.
Con estes datos, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Monforte de Lemos e dos axentes da Garda Civil. Tamén se desprazou ao lugar do accidente persoal de seguridade de Adif.
Segundo indicou Adif ao 112 Galicia, a liña ferroviaria non estaba electrificada ao non ter catenaria. Deste xeito, os servizos de emerxencia puideron acceder con seguridade ata o lugar onde se atopaba a persoa alcanzada polo tren.
Os Bombeiros de Monforte comunicaron ao 112 Galicia que a persoa estaba nunha zona accesible da vía, polo que non tiveron que intervir para liberala. Pola súa banda, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvala.
Nestes momentos, as forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias do suceso.