Unha moza de 23 anos, natural de Malpica, faleceu esta mañá á altura do termo municipal de Becerreá tras saírse da vía co vehículo que conducía. Tras o forte impacto, a vítima, que circulaba á altura do punto quilométrico 457 da A-6, dirección Madrid, quedou atrapada no interior do vehículo e tivo que ser liberada polos Bombeiros de Sarria.
Ao redor das 09:30 horas, un particular informaba do accidente ao 112 Galicia. Ao mesmo tempo, axentes de Tráfico tamén comunicaban ao 112 Galicia que un coche atravesara a mediana da Autovía. Solicitaban medios sanitarios e de excarceración para evacuar ao condutor do turismo. Nada mais recibir o aviso, os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertaron decontado a Urxencias Médicas, Bombeiros de Sarria e aos efectivos do GES de Becerreá.
Debido á gravidade do accidente, Urxencias Médicas mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense aínda que finalmente descartouse a intervención da aeronave tras confirmarse o falecemento da persoa.