Se Tip y Coll marcaron época pechando as actuacións coa promesa ou ameaza de “falar do goberno” a semana seguinte, eu non adoito falar del porque me queda lonxe e decisións tan superiores son difíciles de entender desde abaixo, mesmo porque temos outros gobernos que tratan asuntos máis cercanos.
Non lle chamarei Goberno Frankestein, chascarrillo intelixente por comparación co ser ideado por Mary Shelley feito por pezas inconexas, pero si penso que – sendo legal e suponse que gobernable – xuntar dous grupos de corazóns que laten en distinta frecuencia, aínda nun fermoso love story político, non estará exento de taquicardias.
Os gobernos da nosa beira, unión de sensibilidades diferenciadas, amañan repartindo esferas de poder e as friccións non chegan ao río. As colisións no goberno nacional non son máis fondas porque o Presidente ábrese de mans e investimentos. Ata agora, que coa Lei que permite/obriga aos xuices a abrir mans que deberían estar pechadas, soan as alarmas pola rebaixa de penas a culpables dos delictos máis infames.
Quen impulsou a lei non retrocede, malia o arrepío popular e o descrédito para o sistema, e unha significada dirixente afirmou que “hai que axudar aos maxistrados para que lean ben as leis, xa que a veces teñen dificutades”.
Se ensinan leis aos xuices, quererán decirlles aos profesores como ensinar e aos ciruxáns onde hai que cortar, cando ás veces non parecen ter carga de seu nas alforxas.
Sánchez, por presións do Psoe de provincias, parece que vai actuar de presidente e retocar o que non funciona como se pretendía. Se o consegue, a próxima semana ao mellor temos motivo para falar ben do goberno.