A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo ‘Lucus Augusti’ reclámalle ao Goberno galego que poña en marcha partidas “necesarias” para diferentes infraestruturas da cidade de Lugo como o Auditorio ou a futura estación intermodal. Mediante un comunicado, o presidente da asociación, Jesús Vázquez, lamenta que a nosa cidade “non teña aínda presuposto” para a construcción dunha intermodal, “que ten proxecto iniciado e ubicación definida polo conxunto de Administracións involucradas”.
Segundo Vázquez, a conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez quedou en darlles unha resposta sobre esta cuestión o pasado mes de abril que aínda non recibiron. “Por iso agora requerimos da candidata e Conselleira un compromiso firme de incluír e executar o presuposto no exercizo do 2017”, subliña o presidente do colectivo.
Ademais, a Federación de Asociacións de Veciños reclama partidas para a dotación do Auditorio. “Vendo que segue paralizado dicímoslle que temos que ter no ano 2016 un Auditorio sen goteiras e dotado na súa totalidade pola Xunta de Galicia, para o que tomamos por exemplo o caso de Ferrol”, subliña Jesús Vázquez nun comunicado.