A Federación de Asociacións de Veciños da provincia de Lugo ‘Lucus Augusti’ amosou mediante un comunicado o seu “apoio incondicional” aos veciños do barrio da Residencia, que retoman esta semana as súas mobilizacións para reclamar un compromiso firme da Xunta á hora de dotar a esta zona da cidade de Lugo dos servizos comprometidos.
Neste sentido, a Federación veciñal reivindica que se instale no vello hospital o segundo Punto de Atención Continuada da cidade, “cambiando se é preciso os ratios de poboación actuais”m que cualifican como “desafasados”. Piden ademais que se dote dun laboratorio de referencia así como o desdobramento do centro médico da Milagrosa.
“Queremos que as Administracións se reúnan e escoiten as reivindicacións dunha mesa formada por políticos de todos os grupos e de veciños para sacar adiante estes proxectos con anos xa de espera. Non queremos que continúe o engano cun barrio falto de desenvolvemento e novos servizos e infraestruturas que poidan revitalizalo”, subliñan dende o colectivo.