Feijóo analiza co alcalde de Láncara a proposta de darlle un novo uso á antiga estación ferroviaria

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Láncara, Darío Antonio Piñeiro López, a proposta de darlle un novo uso á antiga estación ferroviaria do concello. Feijóo valorou como unha boa opción a proposta de trasladar a Casa do Concello á antiga estación, así como outorgarlle un uso social ao cargadoiro de mercancías. Tamén fixo fincapé no proxecto de establecer na contorna unha zona verde, aparcadoiros, carril bici e zonas peonís; incidindo, ademais, na importancia de que a antiga estación sirva como comezo da futura senda verde.

Nesa liña, o presidente da Xunta comprometeuse a desbloquear o Plan especial de infraestruturas e dotacións, que contempla a integración das infraestruturas ferroviarias e conexións coa trama urbana nos terreos da antiga vía e na estación de ferrocarril e o deseño das conexións do núcleo urbano da Pobra de San Xiao coa estrada autonómica LU-546, así como a integración desta estrada ao seu paso polo solo urbano. Este plan superou xa o período de consultas ambientais, e, tal e como estipula a Lei do solo, está na fase de recabar os informes sectoriais.

Así mesmo, na reunión tamén trataron a situación da covid no municipio e os apoios achegados por parte da Xunta coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica. No eido económico, ata o momento catro empresas deste concello recibiron axudas da liña de liquidez por un importe de case 20.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com