O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, tras a xuntanza do Consello da Xunta, a renovación dos aceleradores lineais do Servizo Galego de Saúde. Así, a Consellería de Sanidade vén de formular a proposta de adxudicación de dez destas máquinas, que se empregan no tratamento contra o cancro, e cuxo efecto máis inmediato será a creación no hospital público de Lugo do primeiro servizo de radioterapia da súa historia.
“Cubrir ese baleiro na provincia luguesa foi un dos motivos polos que priorizamos a adxudicación deses aceleradores lineais”, explicou Feijóo. O importe do investimento que se licitou en radioterapia alcanza os 21 millóns de euros. O primeiro dos aceleradores lineais instalarase no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) ao longo do ano 2015, unha vez “se acondicione a sala e se obteña o permiso do Consello de Seguridade Nuclear”.
“Alégrome moito de que un edificio que atopamos baleiro en Lugo sexa hoxe un hospital plenamente equipado. Atopamos a única provincia sen servizo de hemodinámica, hoxe hai servizo de hemodinámica. Atopámonos coa única provincia sen medicina nuclear e radioterapia e Lugo terá este ano ámbolos dous servizos”, resumiu o presidente da Xunta.
O mandatario autonómico recordou tamén que a Xunta de Galicia está a ampliar os hospitais públicos da Coruña, Ourense e do Salnés e que conseguiu fondos da Unión Europea para os programas Innova Saúde e Hospital 2050, ademais de ter xa en execución o investimento de 88 millóns de euros para “cambiar e incorporar a mellor tecnoloxía sanitaria existente aos hospitais de Galicia”.
“Melloramos a Sanidade pública porque hai menos esperas para as patoloxías graves e máis complexas; melloramos a Sanidade pública porque hai máis prestacións, incremento de vías rápidas, incremento no acceso ás vías oncolóxicas, novos dereitos como a elección de centro sanitario e de pediatra e enfermeira, —dixo Feijóo en referencia ao desenvolvemento da Lei de Garantías Sanitarias— e melloramos a Sanidade pública porque hai máis infraestruturas”.