Feijóo cre que o Centro de Biomedicina e Veterinaria será “o impulso definitivo” ao Campus de Lugo

O Hospital Veterinario Rof Codina conta cun novo centro especializado na investigación no eido da saúde animal, con fins tanto científicos como docentes. Cebiovet, o Centro de Biomedicina e Veterinaria, é o único destas características que existe en España e un dos poucos de Europa.

Cebiovet foi inaugurado esta mañá polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado doutros conselleiros do goberno autonómico, que foi o que financiou a maior parte desta dotación cun investimento de case 4 millóns de euros. Feijóo destacou que este é “o maior investimento da Xunta no Campus de Lugo na última década” e que “permitirá apoiar e poñer en valor a industria agraria, gandeira e forestal de Galicia”.

Un centro que para o presidente galego é mostra “da aposta pola especialización dos campus universitarios, que significa ser máis eficientes para os sectores produtivos”. Feijóo falou tamén dun proxecto que “revaloriza a ciencia e contribuirá a xerar novos proxectos de investigación e a fortalecer a infraestrutura científica da USC”.

Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que, desde hoxe, Cebiovet pasa a ser unha peza clave para dar o impulso definitivo ao Campus Universitario de Lugo que conta coa única Facultade de Veterinaria do noroeste español e cun Hospital Veterinario Universitario xestionado pola Fundación Rof Codina, dotado coas infraestruturas máis avanzadas, “e das mellores de Europa”, para o tratamento médico e cirúrxico de grandes e pequenos animais.

“Un antes e un despois”

O presidente da Deputación lembrou durante a súa intervención os seus tempos de estudante na Facultade (é veterinario de profesión), e bromeou con que algún profesor “me suspendeu”. En canto ao novo centro, Darío Campos subliñou que “marcará un antes e un despois no ámbito universitario e científico da nosa provincia” e recoñeceu “o incasable traballo da comunidade educativa, así como a implicación das administracións públicas, que produciu qua a Facultade de Veterinaria se convertese nun referente a nivel nacional e europeo”.

A Deputación lembrou que colaborou coa Fundación Rof Codina coa cesión dunha parcela de 1.800 m2 e unha achega de máis de 160.000 euros. Pola súa banda, o Concello destinou unha partida de máis de 190.000 euros a financiar esta actuación. Lara Méndez fixo fincapé no valor engadido ao tecido produtivo que crearán estas novas instalacións, “co que Lugo gañará competitividade e reindustrialización, creará riqueza e emprego e recuperará poboación”. Un centro que “abre novas e grandes oportunidades para o crecemento económico e o desenvolvemento social da cidade ao consolidar a economía do coñecemento e a innovación como motor de Lugo”, engadiu a rexedora.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com