O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha partida de 9 millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano para consolidar o crecemento do polo tecnolóxico de Rozas e o sector aeronáutico en Galicia. Durante unha visita ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), xunto ao secretario de Estado de Defensa e presidente do INTA, Agustín Conde; Feijóo aseverou que facer crecer o polo tecnolóxico de Rozas significa: facer crecer a industria galega a través da innovación e a tecnoloxía; facer crecer a formación e o emprego cualificado; e facer crecer a provincia de Lugo e a de Ourense, “onde non só queremos que o rural e o sector primario sexa unha fonte de emprendemento, senón tamén iniciativas como a de Rozas”.
Sobre este punto, precisou que 2018 será o ano no cal o presuposto de innovación crecerá como en ningún outro exercicio, un 26%, máis de 16 millóns de euros. Feijóo aproveitou a visita para facer un balance do que foron estes dous anos e para avaliar novos obxectivos comúns cara ao futuro. Con este obxectivo, resaltou que proximamente se construirán os hangares para contribuír á consolidación da actividade e se desenvolverá un plan director para prever o desenvolvemento futuro da área do CIAR.
Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego destacou tamén que as empresas e centros de coñecemento galegos xa están empezando a comercializar algúns dos produtos derivados dos seus contratos cos socios estratéxicos e industriais de Rozas. “E tamén nos próximos meses, poñerase en marcha unha aceleradora para proxectos aeroespaciais, a Business Factory Aeronautic, que estará situada no edificio da antiga residencia de Lugo”, precisou.
Así mesmo, subliñou que nesa aposta polo talento e co obxectivo de que o proxecto de Rozas tivese un impacto na oferta de cursos de FP e no mapa de titulacións do sistema universitario galego, desde 2016, o CIPF As Mercedes de Lugo imparte o ciclo superior de mantemento aeronáutico cun grande éxito de acollida. E, desde este curso, o Campus de Ourense ofrece o grao de Enxeñaría Aeroespacial, que espertou un enorme interese entre os estudantes, coa nota de corte máis alta da Universidade de Vigo.