O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que coa posta en servizo do novo tramo Bóveda-Monforte pertencente á Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte, a circulación a traveso do sur da provincia de Lugo será máis segura e confortable.
Así se expresaba o titular do Goberno galego no acto de posta en servizo de dito tramo, onde asistiu, xunto coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria.
“O impulso desta Vía de Altas Prestacións entre Sarria e Monforte, que conta cun investimento de 135 millóns de euros, pretende atender unha persistente demanda cidadá. Nada disto tería sucedido se non existise un pobo demandando de forma incansable unhas comunicacións propias do tempo en que vivimos”.
O responsable autonómico, destacou tamén que a posta en marcha deste treito de 11,7 quilómetros contribuirá non só a mellorar a calidade de vida dos galegos, senón tamén a mellorar a competitividade de toda esta comarca. “Os galegos estamos máis preto dunha Galicia vertebrada por dentro e conectada por fóra”, engadiu.
O presidente tamén apuntou que ao final desta lexislatura “a rede de vías de altas prestacións terá aumentado nun 66% con respecto ao ano 2009, e “deixará o 80% da poboación a menos de 15 minutos dunha desas entradas”.
Pola súa banda, o vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou hoxe os Xulgados de Viveiro, nos que a Xunta realizou unha importante reforma cun investimento de case 280.000 euros. Rueda estivo acompañado do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, e do director xeral de Xustiza, Juan José Martín.
Estas obras de mellora consistiron nunha primeira fase na substitución da carpintería exterior, impermebilizar e mellorar a calefacción, e no transcurso das cales se detectou a necesidade de substituír a cuberta do edificio, que se acometeu nunha segunda fase.
Rueda manifestou que as reformas eran unha necesidade constatada e mostrouse moi satisfeito polas melloras, que beneficiarán tanto ao persoal dos xulgados como aos cidadáns de Viveiro e comarca que se achegen ata alí para realizar, por exemplo, trámites no rexistro.
No eido da Xustiza destacan dous plans. Dunha banda o Plan Senda, para dotar de novas tecnoloxías á Administración de Xustiza e adaptala ao século XXI; e doutra, o Plan de Infraestruturas Xudiciais.
No marco deste último plan fixéronse dous novos edificios xudiciais en Santiago e Ourense, así a de hoxe plenamente operativos. Ademais, estase en plena rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos de A Coruña para o seu uso xudicial e en breve arrincarán as obras do novo edificio xudicial de Pontevedra.
Ademais destas grandes obras, o Plan de Infraestruturas Xudiciais tamén recolle actuacións menores en xulgados que o necesitan. Obras menos vistosas ou espectaculares pero que resultan moi necesarias, como en Viveiro, onde se fixo un grande investimento. No último lustro, a Xunta investiu máis de 2,6 millóns de euros neste tipo de ‘obras menores’.