Feijóo: “Hoxe os galegos sentímonos máis orgullosos ca nunca da nosa Sanidade Pública”

O candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte en Lugo que, “tras anos de mentiras dos partidos da oposición, hoxe os galegos sentímonos máis orgullosos ca nunca da nosa Sanidade pública”, engadindo que o seu partido xa está traballando para “seguir mellorándoa”.

Así, subliñou que, de cara ao futuro, avogan por unha Atención Primaria máis próxima ás necesidades dos profesionais e dos pacientes; pola necesidade de contar cunha convocatoria extraordinaria de MIR de médicos de familia e polo incremento de prazas de formación en especialidades deficitarias como Atención Primaria e Pediatría; por mellores infraestruturas e espazos máis humanizados, camiñando cara a hospitais que pensen máis na comodidade do paciente e da súa familia; por máis tecnoloxía; e por prestar maior atención á Saúde Mental.

Feijóo participou na Xunta Directiva provincial do PP de Lugo para presentar o proxecto da súa candidatura ao 17º Congreso autonómico, un cónclave de “reactivación orgánica, de actualización ideolóxica e de ilusión”. Alí manifestou que unha das aprendizaxes que deixou a pandemia foi que “en España hai unha lexislación ordinaria que non serve para situacións coma esta, por iso, ante o silencio e a desidia do Executivo central, os populares reformamos a Lei  galega, que é copiada polos socialistas nas Baleares sen que o Goberno a recorra”.

Do mesmo xeito, recordou que Galicia mellorou a súa capacidade diagnóstica e que funcionou durante a pandemia como un Hospital Único: “con total flexibilidade de espazos e recursos, cunha visión unificada entre as áreas e cunha tremenda solidariedade e coordinación entre os profesionais”, o que resultou ser un “modelo de éxito clave na xestión dos peores momentos” e útil para axilizar a atención.

Ademais, indicou que “se tomará exemplo das unidades posCovid, nas que profesionais de distintos servizos tratan integralmente a pacientes, trasladando esta experiencia a tratamentos de enfermos crónicos, oncolóxicos ou con enfermidades raras”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com