O presidente do PP de Galicia e candidato á Presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas, Alberto Núñez Feijóo, achegouse hoxe ata o Gran Hotel de Lugo, nun almorzo informativo, para facer balance con máis de 300 persoas, do traballo realizado polo seu goberno nos últimos catro anos. Así, o presidente popular destacou o esforzo inversor na provincia e, en especial, na capital que “está mellor equipada” e con “servizos públicos máis sólidos e potentes que hai unha década”. Ao tempo que sinalou que é, precisamente, a capital luguesa a onde máis inviste a Administración autonómica por habitante.
Entre as prioridades do goberno nos últimos anos, o líder dos populares galegos resalto o remate e a equipación do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) no que se investiron, dixo Feijóo, máis de 60 millóns de euros entre a súa posta en marcha e a dotación de novos servizos como o funcionamento da sala de hemodinámica as 24 horas do día ou os de radioterapia e medicina nuclear. Neste senso, Feijóo sinalou que, entre os compromisos do PP, se continúa a liderar a Xunta, atópase “seguir mellorando a sanidade pública coa contrución do novo centro integral de saúde”.
Alberto Núñez Feijóo non esqueceu a futura Estación Intermodal. O líder dos populares expresou tamén o seu interese pola creación desta estación para que poda chegar o tren de alta velocidade á capital luguesa. “Xa sei que eiquí se fala moito e se din moitas cousas. A min o único que me interesa é contar os contratos que se licitan, os que están en execución, os quilómetros de electrificación e os de variantes. E teño que dicir que son cero. Por conseguinte, imos seguir traballando”, expresou o predidente do PPdeG que quixo tamén deixar claro que “namentres teñamos responsabilidade na Comunidade Autónoma, Lugo vai ter un tren de alta velocidade”.
En materia de servizos públicos, o presidente salientou que se multiplicaron por catro as axudas á dependencia e se duplicaron as axudas ao fogar. Tamén se reformou a residencia de maiores das Gándaras e, nestes momentos, estase a executar – en colaboración coa Fundación Amancio Ortega- a nova residencia. Este novo centro, que se prevé iniciar este ano, suporá un investimento de 12 millóns de euros e ofertará 120 novas prazas públicas para maiores, co que desde 2009 se terán incrementado as prazas de residencia nesta cidade en máis dun 50%.
Feijóo destacou que Lugo conta hoxe con case 1.000 prazas públicas en escolas infantís, case o dobre que hai dez anos; e referiuse en concreto á nova escola infantil de Garabolos, que aumentou a ratio de prazas públicas de garderías do 21 ata o 38%.
No ámbito da educación pública, salientou actuacións concretas como as reformas do CIFP As Mercedes, do CEIP Luis Pimentel, do IES Muralla Romana ou do CEIP de Casás, así como a nave-taller de madeira do CIFP Politécnico, a mellora do IES Xoán Montes e a construción do novo colexio Sagrado Corazón – un centro con capacidade para 450 alumnos e que estará a disposición o vindeiro curso 2020-2021-. Ademais, anunciou que a Xunta xa está traballando nas ampliacións dos institutos de San Xillao e Muralla Romana.
Entre outros moitos temas de actualidade, o presidente popular decidiu, para rematar, referirse ao turismo, resaltando os Camiños do Norte, a Muralla ou as diferentes actuacións realizadas no patrimonio cultural, así como ao novo Auditorio ou ao posible proxecto de rehabilitación do Museo-Parador.
Mar 10, 2020 - 06:16 PM
Tamen, so faltaba estar peor que fai unha decada
Mar 10, 2020 - 05:25 PM
Partome de risa, este soña, ou vai perdendo facultades?