O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a importancia do emprendemento e da innovación tecnolóxica para manter a boa saúde do rural galego. Como el mesmo dixo, “unha empresa potente no rural galego é unha empresa que contribúe a fixar a poboación nas nosas vilas e aldeas”.
Así o resaltou logo dunha visita polas instalacións da granxa de ovos e derivados Campomayor, en Palas de Rei, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Medio Rural, Tomás Fernández-Couto. O mandatario galego louvou a valentía dos emprendedores que fan medrar a economía e son responsables do progreso e da innovación.
Poñendo como exemplo esta granxa que comezou en 1940 con 300 galiñas e que hoxe é líder na produción de ovo con case medio millón, Feijóo remarcou a relevancia de crear valor engadido, un dos factores da creación de riqueza, xa que outro dos factores, o das materias primas, “témolo cuberto de sobra”.
O responsable do Goberno galego deixou testemuño da preocupación deste Goberno por acompañar e apoiar este tipo de iniciativas empresariais, que son unha parte importante da cadea de valor dos produtos do noso medio rural. A modo de exemplo tamén citou outros eidos con grandes posibilidades de negocio, coma o vitivinícola, o da pedra, o madeireiro e especialmente o lácteo.
Para concluír, o presidente galego afirmou que “unhas empresas fortes son o segredo para ter un medio rural dinámico e unha economía vigorosa” como o demostra que vendas ao exterior da nosa Comunidade medraron entre xaneiro e xullo un 54,2%, o que supón “un ano récord para as exportacións galegas”.
Diante destes datos, Feijóo amosouse convencido de que “estamos a dar pasos cara ao crecemento económico de Galicia e cara á consolidación deste rexurdimento económico que é cada vez máis evident”, rematou.