Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e o Conselleiro de Facenda Valeriano Martínez, visitaron hoxe a cidade de Lugo para asinar, xunto coa Ministra de Emprego e Seguridade Social, un novo protocolo para a reasignación de usos, nos inmobles do Antigo Hospital Xeral da cidade.
Políticos de todas as cores, asociacións veciñais e diferentes entidades especularon, propuxeron e pediron diferentes proxectos a levar a cabo nestas senlleiras instalacións. Pero o certo é que, dende fai seis anos, o Hospital Xeral pechou as súas portas resultando nun, cada vez maior, abandono do barrio da Residencia. Este convenio traerá consigo, segundo afirmou o presidente da Xunta, un cambio e unha renovación non só destes inmobles, senón de todo o barrio.
Alberto Núñez Feijóo resolveu as especulacións veciñais acerca dos usos e anunciou, tras a sinatura, que en outubro se licitarán os proxectos básico e de execución para un Centro Integral de Saúde, un centro de formación e emprego, un centro de emprendemento vinculado ao sector aeronáutico e unha planta de distribución de biomasa, algunhas das instalacións coas que contará o “novo Barrio da Residencia de Lugo”.
En total, o proxecto contará cun investimento inicial de 21 millóns de euros. Ademais, deixa a porta aberta e reserva un espazo para a instalación dunha nova comisaría de policía, para o que se está dialogando co Ministerio do Interior. O presidente recalcou que un proxecto así, de “enorme calado urbanístico, social, económico e para os servizos públicos”, só é posible grazas a que “a economía cambiou o seu signo”.
Feijóo asinou xunto a Fátima Báñez este protocolo para a reasignación dos usos do antigo hospital Xeral, propiedade da Seguridade Social. Por iso, o presidente da Xunta agradeceu o “máximo compromiso” da ministra e do seu equipo e destacou que este proxecto é froito da colaboración entre as administracións estatal e autonómica.
O presidente describiu “algún dos aspectos máis innovadores” do proxecto, que inclúe servizos sociosanitarios, un pulmón verde e servizos de fomento do emprendemento e do emprego. Respecto ás dotacións de uso sanitario e social, puxo en valor os servizos do futuro Centro Integral de Saúde, que contará cun moderno centro de atención primaria, servizos de fisioterapia e atención á muller, un Punto de Atención Continuada, atención á saúde mental e a base do 061.
Ademais, o Novo Barrio da Residencia incluirá unha nova residencia de maiores con 120 prazas públicas e que xerará 75 novos postos de traballo, en cumprimento dun dos compromisos electorais coa cidade de Lugo.
Feijóo referiuse ademais ao novo parque público que se situará neste recinto e “que fará desaparecer a muralla” que antes supuña o recinto onde estaba o Xeral e que dividía en dous o barrio da Residencia. Ademais, o Novo Barrio da Residencia contará tamén cunha “planta de distribución de enerxía limpa con petróleo galego: con biomasa”. Grazas a esta instalación, todos os edificios poderán cumprir cos estándares europeos de emisións cero á atmosfera.
Para a alcaldesa Lara Méndez, esta sinatura non deixa de ser unha boa nova para o municipio, pero asegura que “chega moi tarde, pois moitos negocios e particulares, xa abandonaron o barrio”.
Pola súa banda, Fátima Báñez resaltou o incremento da pensión media de xubilación en Galicia nun 17% dende o ano 2011, reiterando as palabras do presidente da Xunta sobre a recuperación económica que se está a vivir na comunidade.
Báñez deu as grazas a toda a sociedade galega, traballadores, empresarios, pemes, autónomos e familias porque, asegurou, contribúen a ser o motor de cambio. “Hai 5 anos en Galicia crecía o paro ao 9%, hoxe redúcese ao 8%. Hai 5 anos Galicia destruía empleo, hoxe créao, e recuperou xa casi 80.000 dos empregos destruidos durante a crise.