O candidato á Xunta de Galicia e actual presidente Alberto Núñez Feijoo, participou baixo o marco de “Un café con Feijóo”, esta tarde en Chantada nun encontro coa veciñanza onde incidiu en seguir cumprindo o compromiso de “estar en contacto coa xente para coñecer as súas inquedanzas e prioridades”.
Puxo en valor o proxecto que “o PPdeG ten para a Galicia do ano 30 e que, no caso de Chantada, pasa pola Declaración de Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, “o instrumento máis potente” para os próximos vinte anos”.
Así, referiuse á rehabilitación de 2.000 vivendas en dez anos, á posta en valor con máis intensidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ou a unha maior protección na paisaxe.
O sector vitivinícola foi outro dos ámbitos nos que fixo fincapé, ao ser, sinalou, “clave para Ribeira Sacra. Neste senso, recordou que, de cada 100 botellas, expórtanse 25, o que pon de manifesto que se trata dun sector estratéxico para toda esta zona”.
Subliñou que 300 maiores “reciben axudas de dependencia no municipio- e seguir traballando nas políticas agrarias serán outras das prioridades”
Para Feijóo, “a estabilidade institucional, a moderación na forma de gobernar, a centralidade nas políticas e a unidade é o obxectivo da próxima lexislatura”.
Sobre as listas do PPdeG, salientou que “é un equipo de xente que vale para o goberno, para altos cargos da Comunidade e, por suposto, que van ser excelentes parlamentarios” e anticipou que os membros do Executivo autonómico conformarán esas listas, “porque este goberno que conseguiu estabilidade merece ter un posto no Parlamento de Galicia”.