O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, presentaron este xoves, nos xardíns do Pazo de San Marcos, a IX edición da Feira de Artesanía e Etnografía, que terá lugar o domingo 3 de setembro na Cruz do Incio. Reunirá a 50 profesionais do sector artesanal e porá en valor a cultura deste municipio con recreacións e música tradicional grazas á colaboración co Concello e cos veciños do Goberno Provincial, que converteu á Deputación na principal patrocinadora desta cita mediante un investimento de case 4.000 euros.
Santos Ramos subliñou que “a nosa identidade e as nosas tradicións son factores diferenciais que enchen de historia á nosa provincia e fan de cada un dos Concellos lucenses lugares únicos e con grandes oportunidades económicas. Temos que promover estes distintivos para que máis xente descubra a riqueza da nosa provincia. Esta é, precisamente, unha das liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo, no que se enmarca a achega económica que dende o Goberno da Deputación facemos á Feira de Artesanía e Etnografía do Incio, colaborando co Concello e cos veciños na posta en valor das tradicións deste municipio, promovéndoo e contribuíndo a súa dinamización social e económica”.
O Deputado e a Alcaldesa explicaron que na novena edición desta cita participarán 50 artesáns. Estará dedicada á música e a tradición desta municipio, pois bailarase a Carballesa do Incio ou recrearanse as conversas que hai 50 anos mantiñan as mozas antes da festa. Todo isto, coa participación dos veciños.
Actuarán, ademais, o grupo Fiadeiro de Vigo ou os Gaiteiros do Incio. Haberá obradoiros artesanais, exposicións fotográficas, videográficas e de instrumentos musicais, así como degustacións de produtos típicos.