O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Queixo do Cebreiro, que se celebra de modo interrompido dende 1987. A súa orixe e difusión está vinculada ao Camiño Francés, e son os peregrinos os que a deron a coñecer por todo o mundo. Esta feira constitúe un dos mellores escaparates para un dos produtos máis característicos e valorados da nosa comunidade, así como dunha gran variedade de produtos elaborados baixo denominacións de orixe ou de forma artesanal tanto da comarca coma doutros lugares de Galicia. A festa compleméntase coa actuación de grupos de baile e música tradicional, así como exposicións sobre a cultura tradicional o que a converte nun gran reclamo turístico.
Asemade, o Consello da Xunta tamén aprobou a declaración de Festas de Interese Turístico a: Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei (Ourense), o Entroido de Vilariño de Conso (Ourense), a Feira do Viño do Rosal (Pontevedra) e a Festa do Viño do Condado do Tea (Pontevedra). Así, a nosa comunidade incorpora, cinco novas celebracións ás súas festas de interese turístico autonómico coas que xa suma un total de 113, ás cales hai que engadir as oito festas declaradas de interese turístico internacional e as doce que contan coa declaración nacional.