Felipe Labrada, que ven de converterse recentemente no novo presidente da agrupación popular da localidade, repite como candidato a alcaldía do Corgo polo Partido Popular avalado pola súa magnífica xestión e por unha ampla experiencia política.
No transcurso da presentación o actual rexedor do Corgo agradeceu á dirección provincial pola confianza amosada para representar unha vez máis aos veciños e veciñas da localidade e espera que nas vindeiras eleccións municipais devolver esa confianza en forma de resultados para o partido e para os veciños. “Seguiremos traballando por e para O Corgo”, engadiu.
Labrada, que desde o ano 1999 é tenente de alcalde do municipio, sumando así un total de 28 anos como membro da corporación local, sinala que “coñezo de primeira man o municipio e as necesidades dos veciños e veciñas así como as súas demandas”. Ademais, fixo un balance en positivo en canto a xestión municipal, marcada polo pandemia e o confinamento e “na que se tratou de estar preto dos veciños, sobre todo da xente maior”. Neste sentido, o candidato á alcaldía pretende “dar unha resposta a todos os corgueses seguindo coa mesma liña de traballo que ata agora” e sinalou que nesta última lexislatura cumpríronse as promesas feitas para mellorar o municipio.
Ao longo da presentación Labrada enumerou unha serie de accións que levou a cabo no mandado que agora remata, e destacou que “a pesar de non ter unha maioría absoluta logramos aprobar os orzamentos e levar a cabo varias modificacións de crédito por unanimidade”. Un mandato marcado pola adquisición de terreos, destacando os 18.000 metros cadrados que rodean ao Castro de Castrillón o que supuxo un indicativo para poñer en valor un dos elementos patrimoniais de maior interese á vez que se garante aos veciños o uso da Carballeira para celebración de festas. “A adquisición tamén cobra importancia por estar preto da Vía Kuning o que nos ofrece unha oportunidade de promoción do municipio”, engade Labrada.
Conxuntamente á adquisición do terreo do Castro de Castrillón, o goberno local adquiriu unha parcela preto do centro de saúde “co obxectivo de localizar nun futuro a casa consistorial para acercar os servizos aos cidadáns e atendelos en espazos máis cómodos e amplos”. “A idea que temos é ir creando un núcleo, coa construción de novas vivendas e pisos para atraer e asentar poboación”, explica o candidato popular.