Feliz aninovo!

De que podemos falar?
Nestas datas, síntome raro se falo dos problemas que nos aqueixan, porque parece como se o longo tempo de Nadal tivese que ser dedicado a temas amables, de irmandade, de familia, de xuntarse para evidenciar que aínda nos quedan raíces e atumes, que aínda é posible comprobar que o que o tempo foi forxando non o poden separar nin as crises, nin as distancias, nin a política, nin o paro, nin a atmosfera social.
Sería de mal gusto falar de política, a pesar das taquicardias que produciron os resultados das últimas eleccións. Sería de mal gusto falar de prima  de risco, de baixadas na bolsa, das ganancias dos bancos, do prezo do barril de petróleo que non encaixa co que logo pagamos nós polo refinado…sería de mal gusto falar do Concello, da Deputación ou da Xunta, de que vai haber eleccións autonómicas, que o Bloque está desaparecido, que Podemos-Mareas están na gloria…. Hai que falar de paz, de xuntanzas familiares, de chegada de parentes da emigración, de que por fin nos
envolve o frío, de que chove, de que os nenos están de vacacións e polo tanto hai máis que facer na casa… De que hai que ser felices porque si.
En Lugo vivimos coa muralla abrazada por centos de tractores, o que me fai lembrar o que afirman os especialistas cando indican que este muro de pedra servía para defenderse do invasor, pero tamén, e de que xeito, para conter os habitantes da cidade, controlalos, e impedir a súa saída cando se estimaba que non era oportuna.
As institucións, en cadro, de festa… incluído o Hula.  E toda a animación está no sector da hostalería, e naturalmente no comercio, que está tendo un “Feliz Nadal” no sentido máis económico da palabra.
Estamos rematando un ano duro que vaia Deus con el. Así que, se non poido –non debo- abordar temas espiñosos, axeitareime á ortodoxia e despedireime ata o ano que ven, desexando a todos unha boa saída e entrada de ano. (Un amigo dime que nestes casos é mellor poñer “año”, en castelán, para evitar malas interpretacións). E desexar que o ano que se anuncia sexa un pouquiño
mellor ca o que remata. E que os Reis Magos, aparte de conservarnos baixos os prezos do petróleo, nos traian un goberno xeitoso para seguir tendo a festa en paz e progresar axeitadamente. Amén.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com