Quero empezar desexando a todos Feliz Día da Radio… e se alguen pensa que teño o día atravesado xa que o día mundial da Radio xa pasou, digo que son dos que pensa que a Radio, amigo fiel de todo o día, de tódolos días, está de permanente actualidade e os que temos a sorte de vivila por idade medio dentro/medio fóra apreciamos fondamente o papel social deste medio de comunicación que cada día ten mellor futuro.
Poño por diante que eu non tiña conciencia de que houbera un Día da Radio, e estes dias entereime de que se trata dunha iniciativa española, da Academia española da Radio, que tampouco sabía que existía, aprobada pola Unesco, e desde 2012 é unha festa oficial que é temática desde 2014, e así houbo un ano dedicado á Radio e os mozos, e outros á Igualdade de xénero, a Radio e as emerxencias, a Radio e ti, e este ano á Radio e o Deporte.
Hai para moitísimo tempo, xa que ao ser a Radio un fenómeno global, nada humano, nada mundano lle é alleo, e o Día pode dedicarse aos máis diversos aspectos da actividade humana que a Radio sempre será útil, primordial, indispensable.
Eu, que son de radio e pasei polo diverso mundo da comunicación, sempre fun recoñecido como home de radio, e hasta na televisión me acusaban de facer radio televisada. Que lle vou facer se me bauticei en Radio Popular de Lugo no 67, hai medio século, e polas radios sigo porque esta adicción benigna non ten cura, e o único xeito de comprender o fenómeno da Radio é consumir máis cada día, e ata as novas tecnoloxías teñen fórmulas que axudan a manter vivo este fenómeno que cambiou o mundo.
Moito antes de que houbera un día mundial da Radio, os profesionais da radio da provincia – Radio Popular, Radio Lugo e Radio Monforte- xuntabámonos cada ano un día para a unha misa oficiada por Monseñor Ona de Echave na súa capela privada, e logo xantar, e festa. Así celebramos moitos anos o Día da Radio, sabendo que para nós, ademais de traballo, a Radio era unha festa.
E segue a selo. Así que pode ter pasado o dia mundial da Radio, pero xa que os da Radio consideramos que todos os días do ano son días de Radio, permítanme os internautas quer hoxe lles desexe a todos, con toda a razón do mundo, Feliz día da Radio.