Unha muller resultou ferida e atrapada no interior do vehículo que conducía tras sufrir unha saída de vía na LU-P-1611, á altura do quilómetro 31, ao seu paso pola parroquia de Vilameá, no concello lugués de Guntín.
O aviso chegou ao 112 Galicia ás 16:20 horas a través do sistema eCall do propio coche accidentado. Os xestores da central puideron contactar coa condutora, quen confirmaba que estaba atrapada no interior do vehículo.
Pouco despois, varias persoas que circulaban pola zona tamén chamaron ao número único de emerxencias para alertar do accidente e informaron de que o coche estaba envorcado.
Dende a sala de operacións do 112 Galicia activouse un dispositivo de intervención no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Friol-Palas, os Bombeiros de Chantada e axentes da Garda Civil de Tráfico.
Os equipos de emerxencia tiveron que empregar material de excarceración para liberar á vítima, que foi evacuada nunha ambulancia en estado semiinconsciente.