Un condutor resultou ferido despois de envorcar co vehículo que conducía na coñecida recta do Naseiro, na localidade de Viveiro. Foi un particular quen, ao fío das 10:00 horas de hoxe, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que o condutor xa saíra polos seus propios medios do turismo, polo que, descartáronse os medios de excarceración. Neses intres, o mesmo condutor telefonaba ao 112 Galicia para informar do suceso e advertir que necesitaba asistencia sanitaria.
Foi a partir de aí, cando os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertaron a Urxencias Médicas e á Garda Civil de Tráfico. Tamén, ata o punto desprazáronse os efectivos do Grumir da localidade e o persoal do servizo de mantemento da estrada.
Asemade, na tarde de onte, unha colisión frontal entre dous turismos que circulaban por Arcos de Frades, á altura do concello de Pol, saldouse con tres persoas feridas. Nada mais recibir a alerta dun particular, pasados uns minutos das 19:30 horas da tarde pasada, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Médicas. Tamén, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil de Pol, que confirmaron o trasladado de dous dos feridos en ambulancia ao centro hospitalario de referencia. A outra persoa ferida foi trasladada por un familiar.
Ata o punto, tras ser requiridos polo 112 Galicia, tamén se achegou o persoal do servizo de mantemento da estrada que se encargou da limpeza da vía.