Un accidente múltiple no corredor de Sarria a Nadela deixou cinco feridos de gravidade. O sinistro produciuse ao chocar un vehículo todo terreo modelo pick up contra un turismo e impactando contra outros dous vehículos que circulaban pola zona. O choque que foi frontal, produciuse a uns centos de metros da rotonda de Nadela no término municipal de Lugo.
Como consecuencia do impacto, os dous ocupantes dun dos vehículos sinistrados quedaron atrapados e deberon intervir os bombeiros. Ademais, tratábase dos feridos coas lesións máis importantes, xa que foron atopados inconscientes.
O 112 Galicia recibiu a alerta sobre o accidente por distintas vías: as chamadas das testemuñas do accidente e o sistema ecall dun dos coches implicados, que ofreceu as coordenadas do lugar do sinistro e mesmo posibilitou a comunicación co interior do habitáculo.
Con toda a información recollida, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para que fosen mobilizados os seguintes recursos: Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Lugo, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.
Tamén foi avisado o persoal de limpeza e mantemento da vía, neste caso da Axencia Galega Infraestructuras (AXI).
En total, cinco persoas resultaron feridas a causa desta colisión con catro coches implicados, e dous dos accidentados necesitaron a asistencia dos bombeiros para poder saír do vehículo e recibir a atención sanitaria.