Os Bombeiros de Barreiros tiveron que excarcerar esta tarde a unha muller que quedou atrapada no interior dun vehículo despois de colidir contra outro cando circulaban pola N-642, no termo municipal de Foz.
Segundo informaron os alertantes que chamaron ao 112 Galicia, sobre as 17:00 horas, para pedir axuda tras o impacto, nun dos vehículos había unha persoa atrapada no seu interior.
Decontado, desde o 112 Galicia pasouse aviso aos bombeiros e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazaron axiña ata o lugar. Do mesmo xeito, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos do GES de Cervo e dos membros de Protección Civil da localidade.
Unha vez liberada a persoa, o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que, finalmente, tres persoas foron trasladas polos profesionais sanitarios ao centro hospitalario de referencia.