Ferido un home ao saírse da vía co seu coche en Castro de Rei

Un home resultaba ferido esta tarde ao saírse da vía e envorcar o turismo no que viaxaba en Castro de Rei. O accidente ocorreu na N-640, sentido Lugo, á altura da parroquia de Ludrio. Ata o lugar achegáronse os Bombeiros de Vilalba, tras ser alertados polo 112 Galicia. A dotación encargouse de liberar á persoa accidentada.

O 112 Galicia tiña constancia do sinistro a través dun aviso de 061-Urxencias Sanitarias ás 15:55 horas. A partir de aí, dende o CIAE 112 Galicia tamén se poñía a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico. Finalmente, o home foi trasladado a un centro hospitalario.

Incendio nunha vivenda en Viveiro

Asemade, unha muller tivo que ser trasladada por inhalación de fume ao Hospital da Costa despois de producirse un incendio na súa vivenda en Viveiro. Ardeu completamente a cociña e parte do salón do inmoble. Ademais, o fume afectou ao resto da casa. Segundo puido saber o 112 Galicia, a causa do incendio foi unha tixola que quedou ao lume.

Os feitos tiveron lugar en Pedreiro, na parroquia de Covas. Un particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 12:40 horas. Indicaba que a cociña da casa estaba ardendo e engadía que había unha persoa no interior da vivenda.

De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia se requiriu a intervención de 061-Urxencias Sanitarias, Bombeiros de Viveiro, Policía Local e Protección Civil. A dotación extinguiu o lume e refrescou as zonas afectadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com