O traballador, ferido nunha perna e que necesitou ser trasladado nunha UVI móbil, estaba tallando árbores na parroquia de Figueiras, en Mondoñedo. Un particular deu aviso ao 112 Galicia arredor das 10:30 horas desta mañá. Foron os Bombeiros os encargados de inmobilizalo e trasladalo ata a ambulancia, que non podía achegarse ata o mesmo lugar do accidente.
As condicións do terreo dificultaron o acceso ata o ferido, ao ser unha zona concorrida por camións que traballan no monte e na que había diversas sinais de perigo.
Foi a chamada dun membro da mesma empresa na que traballaba o accidentado a que alertou ao 112, informando de que un compañeiro sufrira un accidente mentres tallaba árbores en Figueiras. Segundo o mesmo particular, o ferido quedara nun primeiro momento atrapado por unha das árbores, aínda que quedou liberado polos seus propios medios. Sen embargo, a severidade das lesións impedíanlle desprazarse do lugar no que se atopaba.
Os Bombeiros de Barreiros foron os encargados de inmobilizar ao ferido e trasladalo ata a ambulancia en condicións óptimas de seguridade. Alí prestóuselle asistencia sanitaria e, tras valorar a situación, o equipo médico solicitou transferir ao traballador á UVI móbil de Foz.
Ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Barreiros, tamén participaron no operativo a Garda Civil de Lugo, a Policía Local e Protección Civil de Mondoñedo.