Un operario que estaba a traballar nun parque eólico situado na parroquia da Balsa no concello de Muras, resultou ferido logo de caer e sufrir un golpe na cabeza.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos minutos antes das 13 horas, cando un compañeiro do implicado explicou que este sufrira un golpe. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Garda Civil.
Nese momento, o persoal sanitario confirmou que estaban a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, ademais dunha ambulancia, ata o lugar.
Cando chegaron, os equipos de emerxencias atenderon ao ferido, que sería finalmente trasladado ao centro hospitalario de referencia.