Dous operarios resultaron feridos ao mediodía de hoxe, un deles de consideración, ao sufrir unha caída de altura mentres realizaban o seu traballo no campo da feira do municipio do Corgo.
O 112 Galicia recibiu a alerta a través dunha chamada dos profesionais sanitarios ao fío das 14:45 horas. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polos equipos de intervención que acudiron ao lugar dos feitos, os dous traballadores necesitaban asistencia médica urxente.
Así, para prestar apoio ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil. Finalmente, os feridos foron trasladados ao centro médico de referencia.
Asemade ás dez e media desta mañá, un particular chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia sanitaria para un traballador que resultara ferido. Tras a conversa, o alertante indicou aos xestores de emerxencias que unha vaca caera enriba do operario. Todo ocorreu no lugar onde está situada a explotación agrícola para a cal o home traballa, en Ladrido, no concello de Barreiros.
Así, con estes datos, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e de Protección Civil da localidade.