“O Goberno de Rajoy somete un ano máis a Lugo e aos lucenses a unha gravísima e intolerable discriminación; considéranos cidadáns de segunda”. O voceiro municipal, Miguel Fernández, valorou así os Orzamentos Xerais do Estado do 2016 presentados onte polo Executivo central, unhas contas “que nos defraudan”, indicou.
“O noso concello recibe un 3% dos investimentos previstos polo Estado para toda a provincia e un misérrimo 0,15% dos de toda Galicia”, subliñou Fernández, engadindo que “segue sen aparecer nos Presupostos a construción da estación intermodal, unha infraestrutura que resulta fundamental para o desenvolvemento da nosa cidade e para garantir o equilibrio territorial; nin tampouco avanza a Liña de Alta Velocidade, máis alá da variante da Pobra”.
Os “únicos fondos que aparecen”, xunto aos da segunda fase dos colectores do Miño, son os destinados aos accesos da nova ponte, 1 millón de euros, dos 4 necesarios para completar esta actuación. “Parece, polo tanto, que o anuncio deste proxecto que o voceiro municipal do PP, Jaime Castiñeira, fixo hai uns días se quedou como en tantas outras cousas niso, nunha mera cortina de fume”, recalcou o voceiro.
O Concello considera asemade, asegurou Fernández, que “cando faltan tan só uns poucos meses para as eleccións, non é lexítimo presentar uns Orzamentos porque, pase o que pase, será outro Goberno o que os execute; da mesma cor política ou doutra, pero outro Goberno. O máis democrático sería esperar a despois da cita electoral para elaborar os presupostos, a folla de ruta dun Goberno e dunha administración”.
Estes son ademais “uns Orzamentos de ciencia ficción”, sinalou, porque “están baseados nunhas previsións económicas erróneas, irreais, sobre emprego, crecemento económico… que fan imposible a súa execución”.
O Goberno central “segue sen apoiar aos sectores produtivos estratéxicos do país, como pode ser o lácteo, e segue castigando aos máis débiles”, sinalou Miguel Fernández. Tendo en conta que “os pensionistas son o principal ou mesmo en moitos casos o único soporte da renda familiar na nosa provincia e no noso municipio debido a grave situación de desemprego que seguimos a vivir, a suba dun 0,25% das pensións no 2016, o mínimo previsto na última reforma do Goberno de Rajoy, é inxusto e insuficiente”, argumentou. “Os máis de 19.000 pensionistas do noso concello continuarán sufrindo unha merma do seu poder adquisitivo”, indicou.
Xunta de Goberno
O voceiro municipal fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, unha sesión na que se acordou incorporar ao Plan Estratéxico de Subvencións unha axuda por valor de 130.000 euros destinada á Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS) para a redacción do proxecto técnico das obras de reforma que a entidade acometerá no antigo Hospital San José co fin de centralizar neste inmoble o labor que vén desenvolvendo actualmente en dous edificios, no polígono da Louzaneta e na Rampa Claudio López.
Na sesión desta mañá tamén se aprobou conceder unha nova licencia para a construción dunha nave industrial no polígono das Gándaras. Segundo lembrou Fernández, con esta, deuse luz verde, entre a Xunta de Goberno e o Pleno, a 9 licencias de construcción nas Gándaras en menos dunha semana. As obras da licencia solicitada teñen un orzamento de 640.800 euros e o prazo de execución é de 24 meses. A extensión da parcela é de 2.400 metros cadrados.