Fernández Rocha confirma “un principio de acordo” para aprobar os orzamentos

O voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, asegurou na tertulia Estoa que “as posibilidades de entrar no goberno existen”, aínda que matizou que “neste momento non está enriba da mesa”. Fernández Rocha dixo nos micrófonos de LugoSi radio que “se se chega a un acordo nos orzamentos esa posibilidade segue aberta” pero en caso contrario “péchanse varios camiños”.

Así, Fernández Rocha vincula directamente a aprobación das contas de 2016 coa posibilidade de “darlle unha maior estabilidade ao goberno nun futuro próximo”, pero tampouco descartou o caso contrario. “Se as cousas van moi mal ata se podería facer unha moción de censura”, indicou.

En canto aos orzamentos, o voceiro cualificou de “frutíferas” as negociacións que está mantendo Lugonovo co grupo de goberno. “Quedan algunhas cousas”, recoñeceu, pero “se hai vontade por parte do PSOE non haberá problemas en chegar a un acordo”. O voceiro amosouse optimista pero deixa a pelota no tellado do equipo de Méndez. “Todo depende do que o PSOE decida sobre algún acordo que hai que pechar”, explica.

De feito, son tres os eixos sobre os que está xirando a negociación, como son os servizos sociais, a xestión do persoal e a estratexia a seguir nun dos barrios máis deprimidos da cidade, o das Gándaras. “En dous deles chegamos a un principio de acordo, e no outro estamos en camiño”, dixo Fernández Rocha. Polo tanto, “se conseguimos ese acordo votaremos que si”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com