Fernández Rocha lémbralle ao PP que auditorio, museo da romanización ou o Plan Xeral estaban parados antes da súa chegada á corporación

Santiago Fernández Rocha solicitará, nos vindeiros días, unha reunión, pola tarde, ao voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo para repasar conxuntamente as iniciativas de ambos os dous grupos da oposición postas en marcha, durante o último ano e medio, polo goberno

O portavoz de Lugonovo espera así, poder clarificar con Jaime Castiñeira, de onde procede exactamente a parálise que sofre o executivo local.

“Durante a xuntanza agardo ter a oportunidade de lembrarlle ao señor Castiñeira que, dende que formamos parte desta Corporación, Lugonovo puido facer moitas cousas pero ningunha foi desfrutar de compracencia. O primeiro punto onde actuamos foi sobre a corrupción, afastando do poder aos cargos imputados en investigacións xudiciais. Pero tamén partiu de Lugonovo a proposta para crear o marco de cláusulas sociais que agora rexe a contratación pública local e a de avaliar a calidade dos servizos externalizados para garantir a súa correcta prestación á cidadanía”.

O portavoz, considera que, para analizar con rigor qué atrancos propician a lentitude do goberno na xestión da cidade, cómpre valorar cal foi a herdanza que tivo dos mandatos anteriores. “Un lastre ao que a oposición daquel momento contribuíu coa súa connivencia, nuns casos, e co silencio noutros. A desfeita que afecta ao personal e que condiciona o desenvolvemento eficaz de tódolos servizos provén de moito máis aló de maio de 2015. Lugonovo denunciouno nada máis chegar e condicionou o seu apoio aos orzamentos a unha reestructuración contemplada na RPT que está a piques de rematar”.

“Resulta sorpresivo ademais que, sendo tres concelleiros novatos e non nove e a maioría con experiencia, fora Lugonovo quen detectou a escasa capacidade fiscalizadora do Concello, especialmente ás grandes empresas eléctricas e telefónicas, exemplos que – matiza o voceiro – falan por sí sós da valentía coa que cada un afronta o seu papel na oposición”.

Rocha continúa “Preguntareille ao señor Castiñeira por qué di que Lugonovo bloquea o avance da cidade cando puxemos máis de 200 propostas sobre a mesa da alcaldía. Iniciar os procesos para a reclasificación tributaria das rúas, para que a Muralla se sinalice nas autovías ou para que se elabore un mapa social e unha Renda Básica Municipal. Iniciativas como a homenaxe que se ven de render ás Tertulias do Méndez, a creación da Oficina de Asuntos Rurais  ou incluso a adquisición dun baño público para o Parque de Rosalía partiron deste Grupo Municipal, ademais doutras moitas que quedaron diluídas pola falta de lealdade institucional”.

“Todas foron froito dun traballo pola mañá no Concello e pola tarde nas rúas, nunca para os medios, senón apoiándonos neles para que a nosa mensaxe deixara maior pegada”.

Fernández Rocha remata dicindo “Debo reiterarlle ao voceiro popular o que xa lle dixen nun Pleno, que sempre que impere o beneficio común, Lugonovo non vai ter prexuízos para sentarse a dialogar”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com