O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, APEHL, Cheché Real, foi o encargado de entregar o premio de Embaixador Hostaleiro da Provincia 2017 a Francisco Vázquez López. Natural de O Páramo marchou a Madrid con 18 anos e alí creou o seu gran proxecto hostaleiro rexentando os locais O Pazo de Lugo, o Mesón O Chacón, La Casa del Lacón e o Restaurante Portomarín, locais emblemáticos en Madrid para saborear as especialidades da cociña galega.
Real ademais subliñou que “levou e segue levando o nome dos produtos lucenses fóra das nosas fronteiras e puxo sempre o seu gran de area para que o lema …E para comer, Lugo sexa ben recoñecido no resto de España”.
Asímesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén quixo homenaxear a traxectoria doutras sete persoas que dedicaron a súa vida á profesión. Neste senso, recibiron os premios Toda unha vida nos fogóns Rosario Abeledo Castro, do Mesón Santa Marina, de O Corgo; Josefa Díaz Maseda, do Restaurante Polar, de Lugo; Aurora López Herbón, do Madeira, de Lugo; Manuel Pena Varela, do Restaurante Cofín, de Lugo; Mª Luz Somoza Fernández, do Restaurante Durán, de Escairón; e Angel Cobas Lourés e Ana Veres Fernández, do Restaurante Cobas, de Lugo.
Cheché Real fixo referencia especial a esta edición do encontro xa que “a APEHL cumpre 40 anos. 40 anos de esforzo, de ideas, iniciativas, proxectos… todos eles para facer que o sector hostaleiro e turístico da provincia se mantivera no camiño do progreso e da innovación, como non podía ser doutra maneira”. Rematou agradecendo o apoio incondicional de todos aqueles que teñen colaborado coa asociación que preside e a todo o público a súa asistencia á gala.
O evento reuniu a máis dun cento de hostaleiros chegados desde diversos puntos da provincia e contou coa presenza de representantes da sociedade e da política lucense e galega, entre eles a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial, Darío Campos; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e a directora de profesionalización de Turismo de Galicia, Marta Fernández.
Asemade, a APEHL, celebrou na tarde de onte a súa asamblea xeral e asamblea electoral na que se elixiría a totalidade dos cargos da Xunta Directiva. O prazo de presentación das candidaturas finalizou o día 13 de marzo e, ao terse presentado unicamente a candidatura de José Francisco Real Castro ‘Cheché’, non foi necesaria votación algunha para proceder a proclamación da mesma.
Así quedou constituída a Xunta Directiva da APEHL por outros catro ano cos integrantes que se relacionan a continuación:
Presidente: D. José Francisco Real Castro. Restaurante Mesón de Pallares. Guntín.
Vicepresidente: D. José Manuel Cela Rodríguez. Restaurante Porta de Santiago. Lugo
Secretario: D. Jacobo García-Bobadilla Prósper. Hotel Méndez Núñez. Lugo