Se hai unha cita ineludible no outono da provincia, esa é a Festa da Faba de Lourenzá. Unha festa que este ano arranca este sábado, día 30, da man dunha pregoeira que sabe moito deste prezado producto, en XornaldeLugo.com, tuvemos a sorte de poder falar con Gema Iglesias, primeira presidenta do Consello Regulador da Faba de Lourenzá, filla dunha das primeiras envasadoras deste producto e pregoeira desta gran cita gastronómica, agrogandeira e cultural. Unha Gema Iglesias que amosa a honra que para ela e súa mai supón abrir estas festas nas que participan dende hai máis de 20 anos e que continúan loitando para chegar, cada día, un pouco máis lonxe na venda deste producto con Indicación Xeográfica Protexida.
Xornal de Lugo: Que se sinte ao ser a pregoeira dunha das grandes festas de Lourenzá?
Gema Iglesias: Para min é unha honra que contaran comigo para ser a pregoeira, aínda que ao mellor debería ser a miña nai porque é a que leva aí durante todos estes anos, pero intentarei facelo o mellor que poida.
XdL: E… Pódenos adiantar algo do que vai falar no pregón?
G.I.: Aínda non o teño escrito e se volo digo, despois non terá gracia escoitarme, pero falarei sobre o mundo da faba durante todos estes anos.
XdL: Dicía na primeira resposta que o pregón debería dalo a súa nai porque foi unha das primeiras envasadoras, se non entendín mal, non é?
G.I.: Si, foi a primeira envasadora xunto con outro compañéiro, é a que está aí durante todos estes anos, durante toda a Festa da Faba é a súa XXVII festa e está aí. Empezou xunto con outras compañeiras, pero por unhas circunstancias ou por outras fórono deixando e ela quedou aí, está ao pé do canón aínda.
XdL: Vintesete festas as que vivíu en primeira man a súa mai. Que evolución tivo o envasado dende que empezou ela ata agora, supoño que habería algún cambio, algunha modificación…
G.I.: Empezara ela e aquí outro compañeiro e pouco a pouco foron empezando máis familias coa súa propia colleita e despois ao contar coa Indicación Xeográfica Protexida no ano 2008, iso supuxo un boom para a nosa faba.
XdL: Claro, supoño que iso axudaría a promocionar esta faba… Cre vostede que se necesita algún empurrón máis para seguir promocionando este pruoducto máis aló de Asturias e Galicia, ou considera que xa é suficiente e que aí debería quedar o asunto porque é difícil abranguer máis?
G.I.: Non, non. Empuxóns todos os que haxa, os que necesitemos. Non podemos estancarnos en pensar que isto xa acaba aquí, hai que seguir loitando e que se divulgue por todo o mundo, de feito xa está a ter forza; pero seguir, que non quede no esquecemento.
XdL: Seguir loitando e seguir evolucionando un pouquiño…
G.I.: Claro, sempre se evoluciona, aínda que sexa pouco sempre hai algunha maneira de evolucionar.
XdL: E con isto da crise, a demanda da faba segue incrementándose ou estancouse? Incrementase máis, menos..?
G.I.: Non, non se estancou. Eu creo que hoxe en día, a crise xa…, non quero dicir que non estea aí, pero está bastante superada e na faba pódese dicir que case, case que non o notamos.
XdL: É unha sorte, non?, comer hai que comer como din por aí, logo esperemos que siga por moito tempo este incremento…
G.I.: Iso esperemos
XdL: E entrando en temas máis polémicos, por decilo de algunha forma, cre vostede que deberían aumentar as hectáreas que se dedican as plantacións de Faba de Lourenzá para facer fronte á demanda da faba ou de momento chegan as que hai para cubrir, precisamente, esta demanda?
G.I.: Aí xa metes nun lío… (ríese) A ver, demanda si hai, de feito a colleita do ano pasado está xa esgotada; xa hai cousa dun mes, pois si, ao mellor habería que aumentar as hectáreas, pero ao mellor tampouco é cuestión de saturar un mercado para que despois se incremente a súa baixa. Eu penso que hai que conservar, máis que aumentar.
XdL: Pois esperamos poder acudir a ese pregón mañá día 30, e que teñades unhas boas festas con moita demanda.
G.I.: Moita grazas.