A Festa da Troita reunirá esta fin de semana a preto de 20.000 persoas na Pontenova co apoio da Deputación

O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, acompañado do Tenente de Alcalde da localidade, Francisco Martínez Bermúdez, e o Presidente do Centro de  Iniciativas Turísticas (CIT), Francisco Javier Rois Freijo, así como de pescadores e hostaleiros, presentou este xoves a XXXIX Festa da Troita da Pontenova, que terá lugar os días 29, 30 e 1 de maio no municipio mariñán.  

 

O Goberno da Deputación vén apoiando nos últimos anos a organización deste evento, que recibiu no ano 2016 un investimento de 3.400 euros. Do orzamento 2017, o Goberno destinará á Pontenova, no marco do Plan Único, 255.700 euros. E desta cantidade, o Concello achegará 3.000 euros para a Festa da Troita. Campos Conde subliñou que “esta festa, que comezou no ano 1978 como un concurso de pesca organizado polo Centro de Iniciativas Turísticas, tense convertido nun importante revulsivo económico para o Concello da Pontenova e para toda a zona na que se inscribe. Non en vano, hai xa quince días que se esgotaron as reservas nos hoteis do Concello, e xa se están a encher as habitacións das vilas próximas”.

O evento reunirá ao longo dos tres días a preto de 20.000 persoas que poderán gozar dunha ampla programación, coa degustación de troitas nas casetas, acompañadas con pan e viño, a un prezo de 5 euros; os concursos de pesca nas modalidades de lance, salmón e mosca; así como diferentes actuacións musicais e a entrega das distintas Troitas de Ouro, que recoñecen en cada edición aos persoeiros máis destacados do mundo da pesca.

O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova engadiu que “esta cita é un obrigado encontro gastronómico á par que un evento deportivo de repercusión nacional, posto que xa está confirmada a participación de 120 pescadores nos diferentes concursos. Na pasada edición puidéronse coller pezas de salmón de entre 5 e 8 quilos, e na anterior bateuse o récord coa pesca dun exemplar de 10,5 quilos de peso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com