As estreas de Introduction do mestre coreano Hong Sangsoo e a mutipremiada A peor persoa do mundo de Joaquim Trier chegan este venres ás pantallas lucenses.
Desde hai dúas décadas, o cine de Hong Sangsoo chega regularmente (poderíamos dicir incluso que relixiosamente) aos festivais internacionais e desde hai algúns anos é un fixo das pantallas españolas, unha vez que conseguiu afastar os prexuízos que pode haber sobre o cinema dun lugar tan lonxano como Corea. As súas películas están cheas dun humor e unha humanidade perfectamente recoñecibles para calquera cinéfilo, en canto que falan da idiosincrasia e as hipocrisías da sociabilidade contemporánea. O egoísmo, o medo ao ridículo, a esperanza no amor e a angustia polo paso do tempo son algúns dos temas que aparecen habitualmente no seu cinema. Filmes que son como miniaturas que rara vez alcanzan os 90 minutos de duración e que aínda así son inmensos tratados sobre a condición humana sen perder nunca o humor, a tendencia cara o escatolóxico e o ridículo.
Introduction é o seu último traballo, o terceiro que chega a Codex tras O hotel á beira do río e A muller que escapou. Nesta ocasión, Hong nos fala dun home, aspirante a actor, que viaxa a Berlín co obxectivo de darlle unha sorpresa a súa moza, que trasladárase á capital alemá para estudar deseño. Sen embargo, o soñado encontro amoroso non sairá como o noso protagonista agarda e descubrirá as enormes diferenzas entre a sociedade berlinesa e a coreana, así como a dobre vida da súa muller. Como sempre no cinema de Hong Sangsoo, a película confórmase de longas escenas cheas de diálogos sorprendentes e equívocos, e tamén de moitas reunións arredor de moitas, moitísimas botellas de alcohol.
Tamén en clave de comedia chega unha das grandes sensacións da tempada de premios: A peor persoa do mundo, o filme que consagrou a Joaquim Trier. Despois de estrearse mundialmente no festival de Cannes de 2021, onde a súa protagonista, Renate Reinsve, foi recoñecida como mellor actriz, a película viaxou por todo o mundo causando unha enorme aclamación popular, ata o punto de triunfar na mesma meca do cine, e incluso loitará na próxima edición dos Óscar por dous galardóns, o de mellor guión orixinal e o de mellor película internacional (onde competirá contra Drive my car e Flee, xa estreadas en Codex Cinema).
A película é un fermoso retrato xeracional dominado pola inmensa e contaxiosa presenza de Renate Reinsve, unha moza na encrucillada de elixir entre a seguridade que lle da o seu mozo Aksel, un novelista gráfico doutra xeración que ela, ou a esperanza dunha nova vida chea de emocións xunto a Eivind, un rapaz que acaba de coñecer.
Presentadas respectivamente no Festival de Berlín e de Cannes do ano pasado, e de parte de dous recoñecidos autores como Hong Sangsoo e Joaquim Trier, as estreas de Codex Cinema desta semana son unha mostra do mellor cinema que está a presentarse no mercado internacional.