Tras a dura derrota da fin de semana pasada na cancha local para as féminas do Emevé, as pupilas de Jose Valle viaxan a Logroño para medirse ao líder desta liga, que non perdeu nin un set nas seis xornadas disputadas ata o momento. O Minis de Arluy VB Logroño é un dos equipos top que vén de gañar a Supercopa de España e a Copa de XLIII SM La Reina no anterior ano. As lucenses saben que van sufrir neste partido, e que o seu xogo ten que ser constante para poder rascar algún punto para casa. O sábado disputarase o partido no Pavillón Municipal de Lobete ás 18:00 horas, un gran encontro onde as lucenses loitarán para dar o mellor de si mesmas e do seu xogo.
O probable septeto titular: María Sanjurjo, Laura Villasante, Irene Yáñez, Natalia Aispurúa, Lucía Prol, Tea Andri’c e Eliana González (Líbero). Como reservas: Alba Pizarro, Carmen Saa, Julia Paradela, María Aguiar e Aitana Fernández.
A outra cara da moeda téñena os mozos de Diego Taboada. Líderes invictos nesta tempada, viaxan a Cáceres co obxectivo de non ceder nin un set na súa marcadora, para afianzar aínda máis a súa primeira posición na liga. O sábado o partido disputarase no Pavillón Teodoro Casado ás 18:00 horas, contra o equipo local Estremadura Cáceres PH que se atopa nestes momentos a metade da táboa en sexta posición, gañando 3 partidos e perdendo outros 3. Os lucenses van demostrar o seu bo xogo e facer tolear aos estremeños.
O equipo titular pode ser: Pablo Villar, Pedro Sánchez, Anass Anzaui, Manuel Blanco, Victor Bouza, Chema Giménez e Mario Dovale (Líbero). Como reservas: Adrián García, Antonio Mondejar, Rubén López, Jordi Herrero e Guillermo Avendaño.