Folgoso do Courel aproba o seu plan de ordenación definitivo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o avance de Galicia na aposta polo urbanismo responsable, con 111 municipios cun plan xeral de ordenación municipal actualizado; “ou o que é o mesmo, un millón de galegos viven ao abeiro dun plan que lles garante un urbanismo seguro”, abundou.

Durante a sinatura da aprobación definitiva do PXOM do Concello de Folgoso do Courel, Feijóo resaltou que mentres en 2009 había 77 concellos sen ningún planeamento, hoxe só hai 15, “aos que lles facilitamos se o precisan o 100% do custo do planemento” aseverou.

“Isto quere dicir que nos últimos anos demos pasos moi significativos para acadar un urbanismo cun corpus normativo adaptado aos novos tempos e desafíos “, recordou, salientando que coa aprobación definitiva do seu plan, Folgoso do Courel abre unha nova etapa, cunha ordenación urbanística con capacidade para tutelar o asentamento de ata 1.400 veciños durante, polo menos, as vindeiras dúas/tres décadas.

“Estamos a falar dun plan que será un piar indiscutible ao servizo do concello para: ordenar o territorio de xeito equilibrado, incluídos os núcleos rurais; protexer os lugares de Seceda e Froxán, declarados BIC como Lugares de interese etnográfico; contribuír a fixar poboación no rural; fomentar o uso de vivendas baleiras; potenciar o turismo natural e facelo compatible co resto de actividades económicas”, explicou.

Plan estratéxico dos Ancares-O Courel
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse a este municipio como exemplo do que significa a aposta pola sustentabilidade e o medio ambiente. Así, Folgoso do Courel é o segundo concello de Galicia con máis superficie incluída en espazos protexidos -18.500 hectáreas-; pertence ao Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o primeiro e único da Comunidade; e forma parte da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel.

“E, nas vindeiras semanas, activaremos o Plan estratéxico dos Ancares-O Courel para impulsar todo o potencial da natureza, a paisaxe, a etnografía e a economía destas dúas zonas emblemáticas”, anunciou, precisando que esta folla de ruta para os vindeiros cinco anos abrangue a case o 30% da Rede Natura 2000, estará dotada con 3 millóns de euros e incluirá a unha ducia de concellos.

Feijóo concluíu referíndose tamén ao compromiso de licitar entre finais deste ano e principios de 2022 o primeiro tramo da vía LU-651 que une Ferrería Vella con Seoane do Courel, cun investimento de 3 M€, e de levar a cabo a construción da área recreativa de Mogoxe, cun investimento de 300.000 euros, así como a creación dun mercado de produtos agroalimentarios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com