O Concello de Mondoñedo vén de asinar un convenio co Ministerio de Fomento para levar a cabo actuacións de rehabilitación en dúas zonas do conxunto histórico da localidade por valor de 200.000 euros. A alcaldesa, Elena Candia, precisou que se “mellorarán os espazos urbanos da Rúa Lence Santar e acondicionarase a parcela para aparcamento da Travesía Casas Novas”.
A rexedora asinou hoxe o documento co subsecretario de Fomento, Mario Garcés. Candia amosouse moi satisfeita pola execución destas obras e precisou que a primeira intervención, na Rúa Lence Santar, se iniciará “despois do verán”, e consistirá en dotar varias rúas dunha pavimentación similar ao resto das que conforman o conxunto histórico da cidade”.
En concreto, colocarase lousa de granito e cuarcita a modo de chapacuña. Ademais, na Rúa Peña de Francia marcarase cun pavimento distinto a alineación orixinal da rúa, colocando nesta zona unha serie de arborado. Así mesmo, Candia avanzou que “se executará na zona unha nova rede de recollida de pluviais, abastecemento de auga e deixaranse previstas as canalizacións de telefonía, electricidade media e baixa tensión, ademais do alumeado público”.