Fondo pesar polo pasamento do escritor Arcadio López -Casanova

Fondo pesar no mundo das Literatura Galega polo pasamento dun dos grandes escritores das nosas letras. Arcadio López-Casanova. A Real Academia Galega emitia un comunicado destacando a López – Casanova como “unha das voces destacadas da renovación da poesía do último terzo do século XX e investigador literario autor de traballos imprescindibles sobre estilística que abranguen escritores esenciais da historia das letras galegas. O académico de honra, nado en Lugo no ano 1942, vivía na Comunitat Valenciana dende o ano 1968, onde se instalara tras aprobar as oposicións de catedrático de instituto de lingua e literatura españolas. Dende 1986 era profesor da Universitat de València, institución da foi nomeado catedrático emérito tras a súa xubilación.

Como creador, deixa libros como Mesteres (1976), obra fundamental na renovación da poesía do seu tempo na que mantén a cerna do seu universo poético: a vivencia e a representación do desposuimento e do exilio nadas cando, por circunstancias profesionais, deixou Galicia para se instalar á beira do Mediterráneo, onde nunca deixou de cultivar a lingua galega como poeta e como investigador do feito literario.

Tras estudar bacharelato Instituto Masculino de Lugo, Arcadio López-Casanova licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, cidade na que entrara en contacto coas figuras máis relevantes do galeguismo da época e comezara a publicar os seus primeiros textos en xornais como La Noche ou La Voz de Galicia e a gañar premios nos certames poéticos organizados durante os Xogos Minervais.

De volta na súa cidade natal, traballou como docente no Colexio Fingoi, dirixido entón por Ricardo Carballo Calero, e publicou, en 1967, Palabra de honor, que o converteu nun dos referentes da poesía galega da súa xeración. O volume contén un capítulo de poemas celebratorios nos que retrata a Rosalía, Antonio Machado, Ramón Cabanillas, Miguel Hernández e Celso Emilio Ferreiro e reflicte as súas inquedanzas estéticas e éticas. O capítulo finaliza cun “Envío e revelación pra Carlos Casares”, unha orixinal evocación da infancia perdida, tema ao que o académico de honra volvía constantemente.

A perda da infancia e da terra están no núcleo dun mundo poético que, en palabras do propio Arcadio López-Casanova, ten como foco motivador «a representación da desfeita, da desgraza ou do desposuimento como identificadores do humano vivir». «En cada ciclo e no seu mesmo desenvolvemento ese desposuimento queda contemplado dende perspectivas moi distintas (e complementarias). Así, do ámbito da infancia perdida e o espazo mítico do meu páramo lugués que aparecen nos poemas “adolescentes” de Palabra do honor, xa en Mesteres -dez anos despois e coa experiencia da saída de Galicia-, esa desfeita convértese nun total e alucinante espectáculo de destrución coa imaxe simbólica do exilio como eixo fundamental», dicía nunha autopoética do ano 1990.

Esa perda seguiu a deixar pegada ata os seus últimos versos publicados en títulos como Diario da Casa Grande (2019), que é tamén poesía sobre a perda provocada non só pola distancia física, senón sobre todo polo paso do tempo. O libro, dedicado á memoria da súa avoa Manoela, do seu pai e dos tíos Celia e Emiliano na casa do Rodo, inclúe tamén outra paisaxe vital que o marcou, a de Ondara (Alacant), «fermosa, chea de luz e mar, de acollida, pero na que está o sentimento do exilio, da perda das raíces», explicaba.

 

Labor investigador

Alén do labor estritamente creativo, Arcadio López-Casanova é un recoñecido ensaísta no ámbito dos estudos literarios. O académico Xesús Alonso Montero, encargado de dar resposta ao seu discurso de ingreso na RAG, refírese á súa obra como a máis importante e orixinal da historia das letras galegas no que atinxe á estilística. Nela profundou na análise da poesía de autores como Curros Enríquez, Eduardo Pondal, María Mariño, Roberto Blanco Torres, Eduardo Blanco Amor, Luís Amado Carballo, Luís Seone, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel ou a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, á que dedicou o seu ensaio de entrada na Academia, A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación (2013).

O académico é tamén autor de obras de carácter teórico e práctico de referencia como El análisis estilístico (1975), El texto poético (1994), ou Poesía. Teoría, método de análisis y práctica textual (1982), onde comparten atención versos de Garcilaso, Juan Ramón Jiménez, Mendiño, Luís Pimentel ou Salvador Espriu, deixando clara unha riqueza e diversidade lingüística e creativa por cuxa visibilización sempre pulou. Unha pluralidade á que volve noutros títulos como Macrotexto poético y estructuras de sentido (2007), monografía baseada nos Seis poemas galegos, de García Lorca, e Viaxe ao País dos ananos, de Celso Emilio Ferreiro, e tres poemarios casteláns (Diario de un poeta recién casado, de Juan Ramón Jiménez, El rayo que no cesa, de Miguel Hernández, e Historia del corazón, de Vicente Aleixandre).

Cómpre salientar tamén o seu Diccionario metodolóxico de análise literaria. I. Textos líricos galegos da Idade Media ós nosos días (2001), achega clave aos estudos das creación poética galega”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com