Os 25 emprendedores, que impulsan os 20 proxectos seleccionados para participar na segunda edición do espazo coworking de Monforte, comezan mañá, no espazo cedido polo Concello en Expolemos, as sesións de formación e asesoramento.
Esta iniciativa para promover o emprendemento innovador e dinamizar a economía e a creación de emprego no ámbito rural está impulsada pola Xunta, a través do Igape, en colaboración da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI) e conta co apoio do Fondo Social Europeo.
Na primeira edición, o espazo coworking de Monforte contou cun total de 16 proxectos desenvolvidos por 18 emprendedores. Entre as ideas de negocio desenvolvidas destacaron plataformas dixitais nos eidos do turismo ou a ecoloxía, a comercialización de xeito novidoso de produtos ecolóxicos, o fomento de produtos alimenticios naturais da comarca ou a oferta de novos servizos turísticos personalizados e adaptados ao medio.
No marco da convocatoria que agora comeza a desenvolverse haberá, ademais de en Monforte, espazos de emprendemento abertos en outros puntos da comunidade autónoma. En total, 164 emprendedores impulsarán o desenvolvemento de 125 novos proxectos empresariais.