O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o Subsecretario do Ministerio de Industria e Presidente da Escola de Organización Industrial (EOI), José María Jover, asinaron este venres un convenio de 2 millóns de euros para a posta en marcha dun programa de emprego xuvenil na provincia luguesa. No acto, tamén participaron o Deputado provincial Pablo Rivera e o Director Xeral da EOI, Fernando Bayón.
Campos Conde explicou que “esta colaboración permitiranos ofrecer formación a uns 300 mozos lucenses desempregados para contribuír a súa inserción laboral de dúas maneira: por conta allea, é dicir, en empresas e colectivos da provincia; ou favorecendo o emprendemento ao contribuír á posta en marcha dos seus propios negocios”. Jover destacou que “un dos grandes problemas dos mozos é acceder ao mercado laboral. Dende a EOI xa permitimos o desenvolvemento de 48.000 ideas emprendedoras e formamos a 80.000 persoas”.
Tres fases
A programación na provincia de Lugo divídese en tres fases: unha primeira fase de diagnóstico, que arrancará no prazo aproximado dun mes e na que haberá encontros con empresarios, colectivos e mozos de toda a provincia. O seu obxectivo é coñecer as necesidades de ambos os dous sectores para axustar a oferta de emprego á demanda.
A segunda fase será a de formación dos mozos nos nichos de mercado detectados na provincia. Finalmente, a fase de inserción laboral xuvenil. Esta será en empresas ou colectivos da provincia. As contratantes recibirán axudas de ata 4.200 euros para gastos salariais e de seguridade social de 6 meses. No caso de que os mozos opten por abrir os seus negocios, recibirán 3.000 euros.
Requisitos
Os requisitos para optar a esta programación son: estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil; ser lucense desempregado de entre 18 e 30 años; e non ter recibido formación de máis de 40 horas nos 3 meses anteriores por parte dunha administración pública.
Financiamento
O programa está dotado de 2 millóns de euros, financiados nun 8,11% pola Deputación de Lugo, son más de 160.000 euros de fondos propios; e nun 91,89% polo Fondo Social Europeo, “que representan máis de 1,8 millóns de euros que, de novo, capta esta institución da Unión Europea grazas e a través da Escola de Organización Industrial”, apuntou o titular provincial.
Segunda colaboración: 5 millóns de euros
Rivera Capón apuntou que “non é a primeira vez que Deputación de Lugo e EOI traballan man a man. Xuntos fomos capaces de pór en marchar un proxecto de 3 millóns de euros, financiados nun 80% por fondos FEDER da Unión Europea, para impulsar a actividade de autónomos, pequenas e medianas empresas. Refírome ao proxecto que chamamos Dinamización do Tecido Produtivo de Lugo. Froito desta iniciativa, 300 empresas da provincia recibiron asesoramento especializado sobre o uso das novas tecnoloxías, comercio electrónico, márketing dixital ou redes sociais, co obxectivo de facer máis competitivos os seus negocios e, polo tanto, conseguir novos beneficios”.