A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou esta mañá que o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, que se reuniu hoxe, apoia a folga feminista, que neste caso, segundo o que manifestan distintos sindicatos, consistirá en paróns, na actividade diaria, en turno de mañá, de 12:00 a 14:00 horas; de tarde, de 19:30 a 21:30 horas ou de noite, de 00:00 a 02:00 horas, o vindeiro 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller.
Trátase dunha folga para clamar contra a violencia de xénero, a fenda salarial, o acoso ou a discriminación laboral, é dicir, contra o machismo. Ademais, ás 20:00 horas terá lugar unha manifestación. A edil tamén avanzou que nesta xuntanza se trataron distintas propostas para conmemorar o día 8 de Marzo, como por exemplo os Faladoiros Feministas, que xa arrincaron o pasado venres no Vello Cárcere, un proxecto de rúa para o empoderamento feminino, coa asociación Bonhomía, ou a habilitación dun recuncho da muller no Vello Cárcere. Tamén se contempla, un ano máis, a Marcha pola Igualdade e os premios Entre Mulleres. O prazo para presentar propostas para estes galardóns acaba o vindeiro 15 de febreiro.
Ana Abelleira tamén deu a coñecer que na reunión deste xoves estiveron presentes os colectivos ALIAD e Rede Galega contra a Trata, pois foi unha xuntanza onde o foro amosou a preocupación polo tratamento que os medios de comunicación lle dan ás mulleres prostituídas ou vítimas da trata na Operación Carioca. Nesta liña, o foro acordou instar á Xunta de Galicia para persoarse como acusación particular nesta operación, así como enviar a repulsa a este tratamento, tanto nos medios como no auto, ao Fiscal Xefe.
Entre outros asuntos, na reunión celebrada esta mañá, a petición de Arelas acordouse, coincidinco coa publicación do borrador da Lei Para Persoas Trans o vindeiro 23 de febreiro, tratar este anteproxecto como Declaración Institucional no Pleno Municipal.