A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou esta mañá que o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, reunido hoxe no Salón de Plenos do Concello, detectou, a través dos obradoiros do programa de prevención de violencia de xénero, que se leva a cabo dende a Casa da Muller en institutos da cidade, a urxente necesidade de impartir unha asignatura obrigatoria en materia de igualdade e contra a violencia de xénero.
Tal e como deu a coñecer a edil, os datos deste programa estanse empezando a volcar pero xa detectan a necesidade de traballar pola igualdade entre os mozos e mozas. A Concelleira tamén avanzou que o colectivo Arelas empezará a formar parte, como invitada, deste Foro de Igualdade, “xa que nos debemos congratular de que a lexislación en materia de persoas trans está dando os primeiros pasos, coa creación da primeira Lei Estatal deste colectivo. Nesta liña, o foro tamén acordou enviar á Secretaría Xeral para a Igualdade unha serie de preguntas interesándose polo programa Quérote e a súa adaptación a esta lei.
Na xuntanza deste xoves xa se comezou a traballar na programación de cara a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Por elo, Abelleira convidou a todas as persoas a facer propostas, ben a través da Casa da Muller, ou deste propio foro.