O cabeza de lista dos populares lucenses e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, en funcións, Francisco Conde animou á militancia lucense a traballar co reto de repetir ou mesmo mellorar os resultados acadados nos anos 2009 e 2012.
Así o asegurou esta tarde, nunha reunión con alcaldes, concelleiros, apoderados e interventores dos concellos da comarca de Lugo na que tamén participou a presidente provincial, Elena Candia, e outros integrantes da candidatura popular.
Con todo Conde insistiu en que “ninguén debe pensar que isto vai ser sinxelo. Por diante temos un mes de moito esforzo, no que temos que traballar duro para chegar a todas as persoas e explicarlles o noso proxecto”.
O cabeza de lista asegurou que as eleccións marcarán Galicia “moito máis alá dos vindeiros catro anos”, e defendeu que “só o PP pode garantir para Galicia a estabilidade que tanto Madrid como varias comunidades autónomas ven ameazada, e consolidar o ritmo de crecemento e creación de postos de traballo que hoxe temos, que tanto custou acadar, e que non podemos botar por terra”.
ORGULLOSOS PERO INCONFORMISTAS
Pola súa banda a presidenta provincial, Elena Candia e, en relación con cada un dos candidatos pola provincia de Lugo quixo poñer en valor que son persoas “orgullosas da xestión do Goberno da Xunta nos últimos anos” que se materializou, entre outras cuestións, en que a lucense foi a provincia galega que maior investimento por habitante recibiu”.
Con todo, Candia tamén indicou que cada un dos candidatos son tamén “inconformistas” o que se materializa en que “queren e cren” que aínda se pode mellorar a situación en Galicia e na nosa provincia durante os próximos catro anos.
Para rematar, a presidenta dos popular lucenses amosouse convencida de que “a inmensa maioría dos lucenses saben que só no PPdeG son os únicos que poden garantir esta melloría fronte a outras formacións”.