O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, nas que salientou o carácter pioneiro deste polo tecnolóxico e industrial na súa aposta polos avións non tripulados e avaliou a capacidade de innovación da industria aeronática galega para converterse nun sector estratéxico da nosa economía.
Á visita asistiron as empresas que participan no desenvolvemento do polo de Rozas e as preto de 20 subcontratas que están realizando os seus proxectos para dar a coñecer o avance dos seus traballos. Neste sentido, destacou o auxe que está a ter a nivel global a aeronáutica e asegurou que Galicia ten sentadas as bases para ser un expoñente en España desta tendencia e incidiu na necesidade de seguir traballando tanto desde a iniciativa pública como privada.
Na súa intervención, o conselleiro fixo un repaso da evolución que este sector tivo nos últimos tres anos. Referiuse, así, a aposta que se está a realizar tanto a nivel estatal -co decreto que regula o uso de aeronaves non tripuladas e a aprobación dun plan estratéxico que superará o impacto económico dos 1500 millóns de euros en 2050-; como ao compromiso do Goberno galego con esta industria que en 2017 deu traballo a 1200 persoas (un 9% máis que o ano anterior) e que facturou 127 millóns de euros.
Durante a súa visita, acompañado de senadores e deputados, o conselleiro asegurou que o futuro pasa pola innovación e que no polo tecnolóxico e industrial de Rozas se atopa o laboratorio de ideas e solucións tecnolóxicas preciso. Un proxecto que, desde a súa posta en marcha en colaboración con dous socios tecnolóxicos, Indra e Babcock, xa leva mobilizado 150 millóns de euros e impulsado a creación de 200 empregos, que está a desenvolver, na actualidade, 20 proxectos de I+D nos que traballan 19 empresas. Ademais, ten posto en marcha 10 licitacións para a mellora de servizos públicos como a xestión do territorio, a seguridade da flota pesqueira ou a prevención de incendios, entre outros, ás que se sumará unha máis para levar desfibriladores a áreas remotas.